Cancioneiro

Prezo: 15 € formato físico encadernado a man

Acceso gratuíto en formato dixital, premendo aquí


Quen teña unha certa bagaxe foliadeira poderá decatarse de que, aínda que case tódolos temas que compoñen este cancioneiro conservan as letras que lles coñecemos popularmente, tamén hai moitas coplas recolocadas ou de nova creación. Algunhas cancións foron modificadas por motivos estéticos e/ou de coherencia temática segundo o criterio das persoas que dalgún xeito participaron na elaboración deste repertorio. Porén, un gran número de coplas foron sustituídas polo seu contido patriarcal, racista, homófobo e outras faltadas varias polas cales resultan obsoletas na actualidade. Estas coplas "orixinais" foron recollidas e non se perderán, xa que quedaron documentadas en traballos monumentais cos cales estaremos sempre en débeda. É material valioso e sabemos que é importante conservalo en tanto que testemuña do pasado, pero igual de fundamental ou máis é garantir a vixencia da nosa música e impedir que se convirta nunha peza de museo: antiga pero intocable e, en consecuencia, inerte. A comunidade precisa sentirse cómoda co que canta, toca e baila porque as tradicións, coma as divindades, morren cando o pobo deixa de crer nelas. No interior atoparedes un código QR que vos leva a un cartafol cun documento que contén ligazóns para escoitar as melodías das cancións. Se cadra ós poucos se irán subindo as versións deste cancioneiro.

Contacta comigo